O Entroido

Para activar a navegación con son seleccione o texto.

O Entroido de Viana do Bolo, que goza dunha recoñecida fama, é un dos máis antigos, orixinais e tradicionais dos que se celebran en Galicia. 

Varios son os elementos diferenciadores do noso Entroido, que o fan único: boteiros, lardeiros, folión, mula, disputas e fariña.

Os preparativos do Entroido comezan ao rematar o Nadal, cos ensaios e a preparación de disfraces e carrozas. Durante este período previo ao Entroido, os veciños e veciñas de Viana do Bolo e dos pobos do redor organízanse para saír tocar o “Folión” polas rúas do seu pobo ou dos pobos veciños onde son recibidos cos brazos abertos.

O Folión está formado por un grupo de veciños/as que, tocando instrumentos tradicionais como bombos e aixadas percorren as rúas do seu pobo ou dos pobos veciños. Cada folión ten un ritmo particular que varía segundo o pobo do que proceda.

Xoves de Compadres:

Marca o inicio do Entroido, celebrándose  dous xoves antes do Domingo de Entroido, coñecido en Viana do Bolo como o “Domingo Gordo”.

O xoves de compadres da comezo a botada  fariña, podendo botala soamente os homes sobre as mulleres. Pola noite celébrase unha gran folionada e cena de Compadres, dando lugar a multitude de ceas ás que só asisten os homes. Dende as primeiras horas deste xoves colga, dun mástil situado na Praza Maior de Viana do Bolo, a figura do “lardeiro”, un boneco con forma de home e estrutura de ferro que espera ao xoves seguinte a compañía da súa lardeira. 

Xoves de Comadres:

Chegado o xoves anterior ao Domingo de Entroido ou Domingo Gordo, a Lardeira é colgada a carón do Lardeiro para gozar do Entroido e presidilo durante toda a súa duración.

Durante este día as mulleres botan fariña aos homes,  tocan o  folión e os restaurantes e bodegas da vila atópanse repletos de ceas formadas exclusivamente por mulleres.  

Venres e Sábado de Entroido:

As noites do Venres e Sábado de Entroido Viana acolle a  multitude de folións chegados dos pobos limítrofes e moitos visitantes e turistas chegan a Viana a gozar da súa orixinal festa. Centos de bombos e aixadas marcan os ritmos para dar comezo a unha gran noite de fariña que durará ata altas horas da madrugada. Os folións son acompañados por multitude de disfraces e  unha gran fariñada na que homes e mulleres participan  Toda a festa se celebra en torno á Praza Maior presidida polo Lardeiro y a Lardeira colgados días antes.

Domingo Gordo:

É un dos días grandes do Entroido vianés.  Desde 1970 vense celebrando neste día a afamada “Festa da Androlla”. Esta festa gastronómica é unha das máis antigas de Galiza e congrega cada ano a máis de 3.000 persoas que se reúnen para degustar os produtos típicos da zona. A androlla é o embutido máis típico da gastronomía vianesa e o prato principal do menú que se degusta este día.

Durante esta xornada tamén ten lugar un gran desfile de folións, boteiros (figura máis representativa do Entroido Vianés), disfraces e carrozas… O desfile realízase ao longo da mañá do Domingo para, ao rematar, ensalzar os praceres culinarios de la comarca.

 

O BOTEIRO

O Boteiro é o personaxe máis importante e representativa do noso Entroido. 

O Boteiro danza sen parar, e abre paso ao Folión, marcándolle a ruta que debe seguir polas rúas do pobo.

O seu aspecto (de gran colorido e vistosidade), a súa enorme pantalla,  os seus brincos e piruetas, etc fan que esta figura non pase desapercibida, convirtíndose no protagonista indiscutible do noso Entroido.

O Boteiro leva unha máscara tallada en madeira e unha pantalla de alambre e cartón forrada de tiras de papel de cores (pode chegar a pesar uns 7 kilos) . o traxe conta cun cinto forrado con esquilas que, co seu ruído marcan a chegada dos boteiros. A camisa está elaborada con tiras de tela de diferentes cores fruncidas e cosidas a man. Ademais, o Boteiro leva nunha das súas mans un largo pau ou estaca de madeira chamado “monca”

A elaboración do traxe e máscara do Boteiro é completamente artesanal, polo que se requiren varios meses para realizalo.

Luns de Entroido:

Este día, dedicado aos máis pequenos, desfila polas rúas de Viana  un folión composto por nenos e nenas disfrazados. Ao rematar o folión, organízanse xogos, desfile de disfraces, e unha chocolatada popular para rematar con esta xornada infantil

Martes de entroido:

Con sabor a despedida comeza, xa de mañá a soar o folión, facendo desta xornada unha das máis festivas e divertidas de todo o Entroido.

Ás 11:30 da noite todo o pobo se reúne na Praza Maior, tocando o folión xa que, a medianoite, os lardeiros que estiveron contemplando o entroido dende o alto da Praza Maior arderán, marcando o final deste período festivo. Unha atmosfera máxica envolve a vila de Viana.

Os bombos e aixadas, aproveitan os últimos momentos de fariña e folión. Unha vez convertidos os lardeiros en cinza, enmudecen os folións e a fariña deixa  de correr. Cun sentimento agridoce despídese ao folión ata o próximo ano, e comeza unha gran verbena onde terá lugar o tradicional concurso de disfraces.

Mércores de Cinza:

Marca o final do Entroido e o inicio da Cuaresma.

En horario de tarde iníciase o “Enterro da Sardiña”, unha procesión polas rúas da vila que está presidida pola figura dunha sardiña xigante que posteriormente será queimada. A xornada culmina cunha sardiñada popular organizada polos veciños e veciñas do Cabo da Vila (o barrio máis antigo de Viana).

.

Descargas

Para activar a navegación con son seleccione o texto.