Visto o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as medidas contempladas no mesmo, a fin de garantir o funcionamento da administración municipal e dos servizos básicos á veciñanza, en exercicio das atribucións outorgadas a esta Alcaldía pola Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, dende o día da data e durante a vixencia do estado da alarma,

DISPOÑO


PRIMEIRO. En consonancia co disposto no artigo 10.3 do RD 463/2020, suspéndese a apertura ó público da Casa da Cultura, a Sala de Exposicións, o Pavillón Polideportivo Municipal e o Ximnasio, o Campo de Fútbol das Carrelas e o Campo de Fútbol 7, o Centro Sociocomunitario, Parques infantís, e tódolos locais sociais. Suspéndense, polo tanto, tódalas actividades culturais, deportivas e sociais, así como o resto de actos e espectáculos públicos e festexos populares en recintos abertos e pechados que congreguen a persoas.

SEGUNDO. Ao abeiro do disposto na Disposición Adicional Terceira de devandito Real Decreto, suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación de procedementos ante o Concello de Viana do Bolo. O cómputo de prazos reanudarase no momento de perda de vixencia do Decreto de estado de alarma ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.
Non obstante o anterior, esta Alcaldía, por resolución motivada, poderá acordar as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves aos dereitos e intereses do interesado no procedemento, sempre que este manifeste a súa conformidade.
Esta suspensión de termos e prazos non afectará ós procedementos e resolucións relativos a situacións estreitamente vinculadas cos feitos xustificativos do estado de alarma.
TERCEIRO. Os servicios administrativos funcionarán a porta pechada, quedando suspendida, igualmente, a atención presencial. Garantirase a presenza de funcionarios nas oficinas municipais, para a xestión de trámites con outras Administracións Públicas e a atención á cidadanía.
A atención cidadá realizarase por medios telemáticos (teléfono, correo electrónico e sede electrónica), salvo razóns de urxencia e necesidade que esixan unha atención presencial, previa petición de cita telefónica.
Os veciños e veciñas poden dirixirse ó teléfono 988-340-120 para calquera consulta de atención cidadá, ou ben ó enderezo de correo electrónico concello.vianadobolo@eidolocal.es. Por outra banda, na Sede Electrónica pode consultarse o Catálogo de Trámites electrónicos que esta Administración pon a disposición da cidadanía (https://vianadobolo.sedelectronica.gal/info.0).

CUARTO. O Servizo de Axuda a Domicilio e os Servizos Sociais do Concello de Viana do Bolo continuarán a operar de acordo coas instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias.
QUINTO. O servizo de mantemento e obras continuará a realizarse tendo en conta as instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias, estando o persoal dispoñible para cubrir as necesidades urxentes que poidan xurdir ó longo do estado de alarma.
Dada a situación de crise sanitaria e tendo en conta o disposto polo Goberno de España, a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil continuarán coa prestación dos respectivos servizos de xeito ordinario, que poderán ser reforzados cando a situación o requira.
O persoal municipal que non preste servizos dun modo presencial deberá estar dispoñible coa finalidade de prestar servizo ou reemplazar aos compañeiros cando fosen requiridos.
SEXTO. Queda suspendida a convocatoria e sesións dos órganos colexiados do Concello de Viana do Bolo: Pleno da Corporación, Comisións Informativas, Mesas de Contratación, e Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

Descargas