BANDO INFORMATIVO
ATENCIÓN AS PERSOAS MAIORES DURANTE O ESTADO DE ALARMA
Visto o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as medidas contempladas no mesmo, e dadas as informacións que se xeran estes días sobre a atención as persoas maiores para acceder a alimentación e as menciñas que lle sexan necesarias, esta Alcaldía ten a ben
INFORMAR
PRIMEIRO. O punto cuarto da Resolución da Alcaldía 2020-0213, de data 16 de marzo, di textualmente: “O Servizo de Axuda a Domicilio e os Servizos Sociais do Concello de Viana do Bolo continuarán a operar de acordo coas instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias”.
Isto significa que o servizo de Axuda a Domicilio tanto na modalidade de atención á dependencia, que atende a 61 persoas, como na modalidade de atención básica, que atende a 27 persoas, funciona a pleno rendemento sen ningunha restrición. En total os servizos sociais dependentes do concello atenden a 88 persoas. Os usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar sempre lles foron atendidas as súas demandas para achegarlles menciñas e alimentación ós seus fogares, xa con anterioridade á declaración do estado de alarma. Resaltar que no Servizo de Axuda a Domicilio en modalidade de dependencia non son atendidas mais persoas porque a Xunta de Galicia tarda moito en valorar ás persoas que precisan deste servizo.
Tamén se deu orde, en dita Resolución da Alcaldía, de que a pesares de estar pechadas as oficinas administrativas, unha persoa dos servizos sociais permanecería no seu posto de traballo para atender por teléfono e en casos que así o requira de forma presencial as persoas que o necesiten.
SEGUNDO. Nin nas resolucións do Goberno do estado nin de outras Administracións referidas ao coronavirus en ningún momento se prohibe a mobilidade para adquirir alimentos ou menciñas nin tampouco se pecharon estes establecementos de alimentación e as farmacias; tampouco se prohibiu a venda ambulante de alimentos. Polo tanto legalmente poden seguir servindo a poboación, sobre todo nas nosas parroquias que teñen máis complicado abastecerse de alimentos.
TERCEIRO. Se a pesares de todo o explicado anteriormente, e si algunha persoa tivera dificultades para recibir alimentos ou menciñas debe comunicarse coas oficinas municipais no teléfono 988 340 120 e o Concello faralle chegar o necesario. Dende os servizos sociais do concello estase a informar aos Alcaldes e Alcaldesas Pedáneos dos núcleos de poboación sobre esta posibilidade.