O Real Decreto Lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, establece no seu ANEXO qué servizos teñen a consideración de esencias e poderán continuar a prestarse durante a vixencia do Estado de Alarma, sen que lles resulte de aplicación o permiso retribuído regulado no mesmo.


En consecuencia, só poden continuar a prestarse aquelas actividades económicas esencias contidas no citado Anexo. O resto de actividades económicas deberán cesar a súa actividade dende hoxe, 30 de marzo, ata o vindeiro 9 de abril, ambos inclusive.

O Real Decreto Lei 10/2020 está dispoñible para a súa consulta na páxina web do Concello, así como no seguinte enderezo electrónico: https://www.boe.es/boe/dias/2020/03/29/

O Concello de Viana do Bolo continuará a prestar os seus servizos públicos esenciais dacordo coas instrucións xa ditadas por esta Alcaldía mediante Decreto 2020-0213, de 16 de marzo:

  • Os servizos administrativos municipais continuarán a prestarse a porta pechada, garantindo a presenza rotatoria de funcionarios nas oficinas para a atención telemática á cidadanía no teléfono 988 340 120 e o enderezo de correo electrónico concello.vianadobolo@eidolocal.es, así como a través da Sede Electrónica.
  • Os Servizos Sociais (988 329 260) e o Servizo de Axuda a Domicilio continuarán a operar dacordo coas instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias.
  • O persoal do servizo de mantemento e obras continuará a operar mediante o réxime xa establecido, estando o persoal correspondente dispoñible para cubrir as necesidades urxentes que poidan xurdir ó longo do Estado de Alarma.

O que se fai público para xeral coñecemento en Viana do Bolo, o día 30 de marzo de 2020.

Descargas