BANDO INFORMATIVO
DESINFECCIÓN VIARIA E DOS LUGARES DE AFLUENCIA DE PERSOAS


Dende esta Alcaldía faise saber, en relación á desinfección viaria e dos lugares de afluencia de persoas, o seguinte:


PRIMEIRO.- Este Concello por min dirixido, como non podía ser doutra forma, seguiu en todo momento as indicacións e resolucións das autoridades competentes tanto do Estado como da Xunta de Galicia. Esta Alcaldía, asesorado pola secretaría e demais persoal municipal, procurou e procura en todo momento cumprir e facer cumprir as funcións encomendadas pola lexislación que se establece no estado de alarma no que estamos como consecuencia da pandemia do Coronavirus.

SEGUNDO.- Por outra banda o Goberno Municipal por min presidido decidiu non acometer unha desinfección das rúas de Viana do Bolo, das parroquias e núcleos de poboación polo seguintes motivos:
-Este non foi un requirimento que fixeran ate este momento as autoridades competentes da Xunta de Galicia e da Administración Xeral do Estado. De todas maneiras, o Concello requiriu por escrito o pasado 24 de marzo (Núm. Rexistro de Saída 2020-S-RE-38) a Xefatura Territorial de Ourense da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia para que nos indicaran e nos deran instrucións claras e concretas sobre o protocolo a seguir na desinfección viaria. A data de hoxe aínda non recibimos resposta.
-Consideramos que a protección que puidera aportar non xustifica un despregue e mobilización de medios por todas as rúas e vías do termo municipal.
-A lixivia ten un efecto e unha duración moi limitada polo que para asegurar esa pretendida desinfección habería que facer tratamentos continuos. Sería practicamente imposíbel ter desinfectado todo o territorio de Viana do Bolo. En realidade esa desinfección non se podería asegurar.

TERCEIRO.- No que respecta as zonas de afluencia de persoas hai que indicar que dende o Concello puxémonos en contacto con negocios que están abertos (farmacias, supermercados, panaderías, estancos, ...) para preguntar se facían desinfección nos elementos exteriores dos seus negocios, constatando que absolutamente todos fan labouras de desinfección.

De todas formas, como medida preventiva, ordenei a persoal municipal para que se proceda a desinfectar con auga e lixivia nas zonas de afluencia de persoas. Dita desinfección comezará hoxe, día 3 de abril.

 

De todos os xeitos valoro enormemente o ofrecemento de particulares para colaborar co Concello neste asunto e nos que podan xurdir na loita contra este terrible virus. Dou as grazas a todas e todos polo comportamento exemplar, igualmente que a toda a poboación de Viana do Bolo.


Este é un momento moi complicado, quizás un dos mais duros que nos tocou a vivir como pobo e polo tanto a calma, a serenidade, a responsabilidade, a humanidade e o traballo polo ben común é o mais importante. Neste momento tan complicado e difícil non nos podemos deixar levar, temos que cumprir por nós e polos demais.

Neste momento temos que procurar non infectarnos, xa que así, a parte de defendernos nós, defendemos aos que nos rodean; e para iso o mais importante é confinarnos, saír o menos posible, seguir as instrucións das autoridades sanitarias.

Moito ánimo!!

Viana queda na casa!!

 

Viana do Bolo, a 3 de abril do 2020.
O Alcalde. Secundino Fernández Fernández.

Descargas