BANDO INFORMATIVO

COVID-19 NO CENTRO DE SAÚDE DE VIANA DO BOLO

 

               En relación á situación do COVID-19 no Concello de Viana do Bolo, esta Alcaldía desexa informar que o Servizo Galego de Saúde ven de comunicar no día de hoxe que unha facultativa do Centro de Saúde de Viana do Bolo deu positivo en COVID-19. Este feito xerou que varios sanitarios do Centro, por prevención, tamén deban permanecer en corentena, ademais de practicárselles as probas PCR correspondentes, estando aínda pendente o resultado das mesmas.

            Por este feito, durante toda a vindeira semana, o Centro de Saúde será atendido por unha sola doutora, co apoio de outros facultativos do Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras.

            Ante esta dificultade, solicitamos ós veciños e veciñas de Viana do Bolo a súa máxima tolerancia e comprensión, ante os posibles inconvenientes que se poidan producir, tanto na atención diaria como nas urxencias do Centro.

            Asemade, solicítase tamén a máxima colaboración de todos e todas, ante calquera requirimento que parta da Consellería de Sanidade, e enviar unha mensaxe de tranquilidade ós nosos veciños e veciñas, en tanto o SERGAS ven de informar que os poucos contaxios que existen no noso Concello están identificados e illados.

            Neste mesmo contexto, e ante a existencia nas Comarcas próximas dun elevado número de contaxios, vólvese a lembrar ós e ás veciños e veciñas de Viana do Bolo a necesidade de manter as medidas de hixiene persoal e colectiva (lavado de mans con auga e xabón ou xel hidroalcohólico, e o uso de máscara) así como a necesidade de manter a debida separación entre persoas. Asemade, prégase que se limiten ó máximo as reunións familiares ou sociais.

 

            O que se fai público para o xeral coñecemento en Viana do Bolo a 3 de outubro do 2020.

Descargas