BANDO INFORMATIVO
COVID-19 EN VIANA DO BOLO E NOVAS MEDIDAS
En relación á ORDE do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia., publicada no DOG núm. 212-bis do 21/10/2020, infórmase á veciñanza que, dende as 00.00 h de hoxe, día 22 de outubro de 2020, os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados están limitados a un máximo de 5 persoas, salvo no caso de persoas convivintes. Esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
Os establecementos e locais retallistas e de actividades e servizos profesionais deberán limitar o seu aforo ó 50% da súa capacidade total. Nos establecementos de hostalaría e restauración tampouco poderá superarse o aforo do 50% para o consumo no interior local, que unicamente poderá realizarse sentado en mesa, non permitíndose o consumo en barra. As terrazas ao aire libre limitarán a súa capacidade ao 75 % das mesas permitidas na licenza municipal do ano 2019.
Para a práctica da actividade física e deportiva non federada, individual e colectiva, ao aire libre, e de práctica colectiva en instalacións e centros deportivos, poderase realizar en grupos de até 5 persoas, sexan ou non convivintes, e sen contar o/a monitor/a.
Por outra banda, en relación á situación do COVID-19 no Concello de Viana do Bolo, o Servizo Galego de Saúde continúa a realizar o rastrexo de contactos e as probas PCR na Residencia de Maiores, seguindo os protocolos correspondentes. Reitérase a toda a veciñanza a necesidade de manter as medidas de hixiene persoal e colectiva e de manter a debida separación entre persoas.
O que se fai público para o xeral coñecemento en Viana do Bolo a 22 de outubro do 2020.