BANDO INFORMATIVO
EXENCIÓN NO CANON DA AUGA A DETERMINADOS ESTABLECEMENTOS
Infórmase á veciñanza que, en aras de axudar ós sectores económicos mais afectados e castigados pola situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia por mor da COVID-19, a Xunta de Galicia vén de incorporar á Lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021 unha disposición dirixida a eximir do pagamento do Canon da Auga ou do coeficiente de vertedura os consumos de auga correspondentes aos periodos de facturación comprendidos entre o 5 de novembro de 2020 e ata a data na que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.
Os establecementos comerciais que poderán beneficiarse da exención son os seguintes, sempre que estes teñan diminuído significativamente a súa actividade no dito período, isto é, que os consumos realizados sexan iguais ou inferiores ao 25% do consumo realizado no período de facturación inmediatamente anterior ó 5 de novembro de 2020:
a) Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafeterías e
bares.
b) Os seguintes establecementos de lecer e entretemento: salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos.
c) Hoteis e aloxamentos turísticos.
d) Albergues turísticos.
Esta nova regulación xa foi posta en coñecemento da empresa concesionaria do Servizo de suministración de auga, VIAQUA, GESTIÓN INTEGRAL DE AGUAS DE GALICIA, S.A.U, a fin de que proceda a adoptar as medidas precisas para a Xestión desta exención do canon da auga.
O que se fai público para xeral coñecemento, en Viana do Bolo, a 4 de decembro de 2020.