Hoxe tivo lugar a presentación e inicio do reparto da “AXENDA 2021: 365 DÍAS POLA IGUALDADE” realizada polo Concello de Viana do Bolo a través da Concellería de Servizo Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM).
Trátase dun ambicioso proxecto que é o resultado de moitas horas de traballo e dedicación, co que o Concello de Viana do Bolo quere mostrar e demostra o seu compromiso por promover a igualdade real entre mulleres e homes durante todos os días do ano.
A axenda foi repartida entre o profesorado dos centros de ensino de Viana do Bolo e o alumnado do IES co obxectivo de que a rapazada de secundaria poida “traballar” de xeito diario a igualdade de xénero e reflexionar e debater sobre os contidos da axenda para enriquecer e mellorar o seu uso.
O reparto de axendas á poboación en xeral realizarase mediante a participación activa das veciñas e veciños nunha actividade/ campaña na que demostren o seu compromiso e os seus propósitos para o novo ano en prol da igualdade. A campaña, que terá lugar a través de Redes Sociais, sairá á luz o vindeiro luns 28 de decembro a través dos perfís en Facebook do Concello de Viana do Bolo e CIM Viana.





