BANDO INFORMATIVO
NOVAS RESTRICCIÓNS E SUSPENSIÓN DAS ACTIVIDADES DO ENTROIDO 2021

 

En relación á ORDE do 13 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no DOG núm. 7-bis do 13/01/2021, infórmase á veciñanza das novas medidas de prevención, que entrarán en vigor a partires das 00:00h do venres, 15 de xaneiro:

  • O toque de recollemento adíase ás 22:00 h.
  • Peche dos locais e establecementos de hostalaría e restauración ás 18:00 h. Limítase o aforo ó 30% no interior do local, sen consumo en barra, e ó 50% nas terrazas. Ocupación en mesas limitada a 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas.
  • As xuntanzas, tanto públicas como privadas, quedan limitadas a 4 persoas, salvo convivintes.
  • Os locais e establecementos comerciais limitarán o aforo ó 50% da súa capacidade.


Por outra banda, en relación á situación do COVID-19 no Concello de Viana do Bolo, dende o Servizo Galego de Saúde vén de comunicarse que, actualmente, non hai casos positivos no noso Concello, se ben reitérase a necesidade de manter e extremar as medidas de protección habituais e cumprir coas novas medidas adoptadas polo Goberno da Xunta.


Finalmente, dende o Concello de Viana do Bolo infórmase que, debido á grave situación sanitaria xerada polo Covid-19, e despois de reunirse e informar os representantes das Asociacións que forman o Entroido de Viana, tomouse a difícil decisión, de suspender todos os Actos previstos para a celebración do ENTROIDO do ano 2021. Foi unha decisión difícil, aínda que consideramos que agora mesmo, a obrigación de calquera cargo público, é a de mostrar responsabilidade, tentando preservar a saúde e o benestar dos seus veciños.


Por tanto, o programa Oficial do Entroido de Viana do Bolo para este ano, suspenderase por completo. Pero así mesmo, seguirase colaborando coas distintas Asociacións locais, na organización de pequenos "eventos", que serán retransmitidos a través das plataformas dixitais habituais, e que servirán para lembrar e rememorar diariamente, os acontecementos máis representativos do noso Entroido. Asemade, infórmase que a programación da data e a hora de difusión destes eventos, irase comunicando regularmente, a través das distintas redes sociais.

 

O que se fai público para o xeral coñecemento en Viana do Bolo a 14 de xaneiro do 2021.

Descargas