A instalación da Banda ancha ultra-rápida rematou hoxe e nun prazo máximo de 15 días a empresa instaladora ten previsto completar todos os traballos de posta a punto e realizar a posta en marcha final. Co que, a partir dese momento, estariase en condicións de ofrecer en todas as aldeas do Concello de Viana do Bolo, servizos de
internet de alta velocidade, telefonía e televisión IP.
Está previsto que a instalación se entregue e certifique a finais deste mes de marzo.
A explotación deste servizo concederase a unha empresa mediante concurso público. As empresas que opten a esta licitación serán as que habitualmente coñecemos na zona.
Esta empresa concesionaria será a responsable de presentar as ofertas, xestionar rexistros, instalar os equipos na casa de cada cliente, xestionar avarías e xestionar toda a rede así como o seu mantemento.
Indícannos desde o GDR que o prazo para esta licitación será duns dous meses.
Os prezos máximos que se cobrarán por cada servizo ofrecido estarán regulados nos pregos e suporán unha gran redución con respecto ás ofertas que estas empresas veñen realizando habitualmente.