NOTA INFORMATIVA
En relación á situación actual da crise sanitaria polo COVID-19 no Concello de Viana do Bolo, esta Alcaldía desexa informar á veciñanza que o Servizo Galego de Saúde vén de comunicar os datos actualizados no número de contaxios, rexistrándose, a día de hoxe, un total de 6 positivos.
Os datos aportados só corresponden con pacientes do Centro de Saúde de Viana do Bolo, polo que non temos datos dos posibles casos que, a pesares de estar en Viana, non teñen médico aquí.
Ante esta situación de certo descoñecemento dos casos reais que actualmente existen no noso concello, dende o Concello queremos ser precavidos e, polo tanto, suspendemos as actividades e actos nos que non se poidan garantir as medidas de protección ditadas pola Xunta de Galicia.
Por outra banda, lembramos a necesidade e obrigatoriedade de manter e respectar as medidas de protección habituais: emprego de máscara, lavado frecuente de mans e distancia de seguridade; así como limitar as reunións fora do grupo de convivencia.