Que é a FP dual?
É unha modalidade de formación profesional que ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa nun centro educativo.
A FP dual integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular (específica do ciclo formativo), traballo na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado no centro educativo coa súa formación e o seu traballo na empresa.
Os centros e as empresas comparten as responsabilidades formativas para que as ensinanzas profesionais se adecúen ás necesidades do mercado laboral.
Cales son os requisitos para acceder á FP dual?
Para acceder a esta modalidade de FP é preciso cumprir os requisitos académicos que se requiren para acceder aos ciclos de grao medio e de grao superior, dispoñibles no enderezo www.edu.xunta.es/fp, na epígrafe “Coñece a FP”, e ademais:
- Ter dezaoito anos ou máis no ano natural en que comece o ciclo formativo.
- Carecer da cualificación profesional, obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
- Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para o poder efectuar.
- Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
Que vantaxes teño ao estudar un ciclo formativo na modalidade dual?
- Recibirás unha remuneración desde o inicio do teu período de permanencia na empresa. Esta remuneración pode ir aumentando cada ano á medida que aumenta a túa competencia profesional.
- Terás maior facilidade para a túa inserción no mercado laboral mediante a adquisición dunha titulación de formación profesional de xeito simultáneo á túa integración nos procesos produtivos da empresa
Mais información en : http://www.edu.xunta.gal/fp/