Gastronomía

Para activar a navegación con son seleccione o texto.

Os días 13 e 28 de cada mes celébranse na vila de Viana do Bolo as tradicionais feiras, ás que asisten os/as veciños/as do municipio con gando e produtos agrícolas para a súa venda, aproveitando para saborear unhas racións de polbo á galega.

As terras de Viana ofrecen unha ampla gama de deleites culinarios liderados pola exquisita androlla, un embutido elaborado a base de costela de porco adobada e curada ao fume das tradicionais lareiras, que cada ano é homenaxeada e festexada o domingo de Entroido, coñecido en Viana do Bolo como “O Domingo Gordo”. A androlla preséntase en tripa gorda, afumada coma se fose un chourizo e rechea de costela cortada en anacos con carne; todo iso sazonado con sal, pemento doce, pemento picante e allo na súa xusta medida para non degradar o seu particular sabor. Despois correspóndelle pasar uns dez días afumándose e uns vinte días de secado.

O "Domingo Gordo" do Entroido de Viana do Bolo celébrase a chamada Festa da Androlla, unha comida multitudinaria que ten lugar no interior do pavillón polideportivo e nos seus arredores, que acolle a máis de 3.000 comensais. O menú comeza cun caldo con croutóns, seguido dos cachelos (patacas cocidas) con grelos, lacón, chourizo e androlla. O menú remata coa bica de Viana (unha especie de biscoito) e a tradicional “queimada”.

.
Para activar a navegación con son seleccione o texto.