Casa brasonada rúa da Constitución

Os pazos e os brasóns ou escudos son un dos símbolos da Idade Moderna en Galicia. Á par desta marca material, o mundo fidalgo deixou a súa pegada na creación cultural. Tanto a literatura do século XIX como a da primeira metade do XX retratou a imaxe da fidalguía dos pazos rurais e urbanos, como os da vila de Viana. Non todos os fidalgos vivían neste tipo de casas luxosas. Moitos facíano en casas grandes brasonadas. Escritores como Pardo Bazán, Valle-Inclán ou Otero Pedrayo, home próximo a Viana do Bolo grazas á súa alumna Charo Castells, retrataron de forma maxistral o mundo da fidalguía galega que acababa de desaparecer.
 
“As vivencias do pazo e da sociedade cultivada na vila capital, alcanzaron de vello altas calidades. Presidían un mundo á marxe dos grandes camiños da historia, cumprían unha profunda dedicación patriarcal. A personalidade acusada da terra de Viana é advertida ao primeiro contraste cos cumios ilustrados polas rítmicas composicións dos rabaños e a profunda beleza dos bosques solemnes como templos e a graza das vexetacións fluviais finamente susceptibles á iniciación das primaveras, como á despedida elexíaca dos outonos”.

Ramón Otero Pedrayo
Prólogo de “La comarca natural de Viana del Bollo”, de María del Rosario Castells (1967)