O edificio presenta planta rectangular e unha severa torre de campás na súa fachada do s.XIX – moi esornamentada – cuxa principal singularidade é a súa excepcional cantaría e a cuberta en forma de pirámide. A arquitectura medieval do edificio orixinal, datable a finais do s. XII, consérvase unicamente nos muros Norte e Sur. Neste último ábrense xanelas seteiras estreitas e alongadas, ademais dunha porta secundaria sen tímpano, hoxe tapiada, con dobre arquivolta de medio punto sobre xambas cortadas en aresta. Nesta mesma fachada meridional vemos rudos canzorros xeométricos sustentando o aleiro, así como unha serie de ménsulas de granito que deberon soportar un pórtico de madeira.
O altar maior
Situado na ousia do templo e protexida por unha cuberta a catro augas de lousa, destaca pola súa localización en ángulo, consecuencia dun traslado derivado da construción dunha nova capela no muro norte da ábsida na primeira metade do s. XX.
O retablo aparece presidido pola imaxe barroca de Sta María da Asunción, e nel sobresae tamén unha imaxe dunha Virxe articulada dotada dunhas visagras que lle permiten mover os brazos.
A destacar tamén a mesa de altar barroca labrada integramente en granito, que se presenta ricamente decorada con anxos, leóns rampantes e motivos vexetais, marianos, cristolóxicos e santiaguistas.
A igrexa conserva restos románicos do s. X de tradición xermánica nunha orixinal xanela de dobre arco de ferradura que podemos ver no exterior da ábsida. Os arcos aparecen divididos por unha columna monolítica cun capitel decorado con follas nervadas e un círculo central.
O arco de ferradura
É moi característico da arquitectura árabe mais aparece tamén en exemplos anteriores. En Galicia temos poucos exemplos pola feble influencia mourisca, mais si aparece nalgunhas construcións como a Igrexa de Santa Comba de Bande (Ourense), ou nos restos da Igrexa visigótica de Panxón, (Nigrán, Pontevedra), ambos do século VII, ambas de estilo prerrománico. As ventás xeminadas de arquiños de ferradura remiten a unha vida relixiosa eremítica datable en época altomedieval que tamén podemos denominar “suevo-visigoda”.