A primeira cita destas augas documéntase en 1697 na obra Espejo Cristalino de las Aguas de España: “en el lugar de Bembibre en cuyo término está dicha fuente... metida dentro de un edificio a modo de arca de aqueducto basto, y ya medio desbaratado, en cuyo hueco cobran dos personas... El agua aunque es poca nunca falta, y es muy cristalina, el olor es muy malo como de azufre”.
O manancial está incluído na Hidrología médica de Galicia de Taboada y Leal (1877), ao que se refire como “Aguas sulfurosas frías de Bembibre”. “Sus propiedades físicas son, como todas las de su clase, incoloras, claras y transparentes, con fuerte olor a huevos podridos, de sabor azufroso y de temperatura igual a la del agua común”, engade.
A creación do balneario atribúese ao doutor vianés José Manuel Armesto, que abriu as instalacións no ano 1896, mantendo a súa actividade ata o ano 1958. Ao parecer Armesto adquiriu os terreos en 1894 e construíu unha edificación destinada a balneario. Co paso do tempo, as calidades salutíferas das augas e o seu poder curativo propiciaron o crecemento das instalacións, que se completou co levantamento dunha nova edificación de dúas alturas para acoller un hotel.
A estas instalacións sumaríase outro inmoble, actualmente en ruinas e separado da hospedaxe, onde se trataba aos doentes con chorros de auga quente a presión. O quentamento das augas levábase a cabo por medio dunha caldeira.
O balneario debeu manter unha actividade modesta, xa que en 1845 o Diccionario de Madoz limítase a sinalar que na parroquia hai auga “azufrosa”. O manancial non figura no Anuario-Guía de las playas y balnearios de España (1924). En 1936 Vicente Risco escribe sobre Bembibre na Geografía del Reino de Galicia: “Hay buenas fuentes y una sulfurosa fuera del pueblo.”
As augas subterráneas do balneario caracterízanse por ser frías (16ºC) e por ter unha mineralización notable moi osixenada. Son augas bicarbonatadas (fluorada), sódicas, con boro e arsénico, elementos indicadores dunha circulación profunda que se arrefrían a causa dunha circulación moi lenta no tramo de descarga do fluxo e por mestura con augas frías.
Os seus beneficios medicinais fan que fosen indicadas para o tratamento de doenzas da pel, fígado, riles, reuma, artrite e do aparato respiratorio.
UN CASTIÑEIRO MONUMENTAL
No centro da aldea de Bembibre existiu un castiñeiro monumental que, ao parecer, tiña uns 20 metros de diámetro. Seica se necesitaban once homes para abrazalo, por iso era frecuente que os agüistas o visitasen e se fotografasen nel. Os testemuños orais aseguran que foi tallado durante a Guerra Civil.
No centro da instantánea, co sombreiro na man, o médico José Manuel Armesto, fundador do balneario de Bembibre.