O inicio desta ruta atópase en Pinza, ao carón da súa igrexa. Dende aquí comezará un agradable paseo que vai levar o camiñante por fermosas paisaxes naturais.
Ao pouco de comezar a andaina, o percorrido abandona o asfalto e, a través dun antigo camiño, diríxese cara ao val polo que transcorre o río Bibei.
Comparte trazado ademais con outra ruta do concello de Viana do Bolo: o «Sendeiro de Seoane de Arriba a Punxeiro». Durante este treito as árbores proporcionan unha agradable protección para os días de calor do verán. Pola contra, no outono, este mesmo lugar ofrécenos unha fermosa estampa ao crearen as follas caídas sobre o chan un pintoresco manto de cor.
Antes de chegarmos a unha antiga mina abandonada, desviarémonos cara abaixo por un camiño de forte pendente ata a estrada que conduce á ponte sobre o Bibei.
A ruta prosegue agora en ascenso ata Seoane de Arriba e dende aquí conecta con Seoane de Abaixo, atravesando prados e terras de cultivo. Chegados a este punto, afrontamos o último treito do percorrido cara a Mosexos e dende aquí ata o punto de saída, en Pinza.
- INICIO: Pinza
- REMATE: Pinza (Ruta circular)
- DURACIÓN: 3:40 horas
- LONXITUDE: 11,3 km
- DESNIVEL: 401 m
- Apto para bicicletas e cabalos