As Mazairas - Casa do Retorno

A Rúa das Mazairas é a principal arteria comercial e de comunicación que une a Praza Maior -o centro neurálxico de Viana desde a Idade Moderna- coa rúa Nicolás Tenorio e a estrada da Gudiña. Ao parecer, noutro tempo, estivo ornada con mazairas, de aí o seu nome.

A Casa do Retorno é unha das casas máis orixinais desta rúa por situar a súa fachada principal no ángulo da edificación. De tipoloxía vilega, foi construída entre medianeiras no ano 1893, unha época dourada para a economía vianesa.

A porta principal loce unha porta de xambas e lumieira molduradas que conclúe en altura nun lucernario semicircular rematado nunha clave con decoración vexetal. Destacan os tres canzorros decorativos que sobresaen da fachada en forma de prismas acanalados rematados en volutas que sustentan a galería acristalada do piso nobre.
 
O xenro do rei salíu de onde estaba escondido, deulle as gracias á vella e marchóuse (...) Foi andando e pasóu polo pobo da mazaira. Mandóu empenar o Concello e díxolle:
- Cuanto me pagáis se eu fago de maneira que a mazaira volva a dar tantas mazás coma daba antes?
- Pide o que queiras. Pide o que queiras, respondeulle a xente.
- Boeno, pois ídesme dar dous burros cargados de diñeiro.
- Por eso non hai caso; agora que pirmeiro hai que espermentalo.
O xenro do rei escarbóu na raíz da mazaira, matóulle os dous ratos, i a mazaira volvéu a dar mazás. E cueso
déronlle os dous burros cargados de diñeiro e seguíu o seu camiño.

Laureano Prieto
Contos Vianeses (1958)