Antiga Casa do Concello

Este edificio foi sede da Casa Consistorial ata o seu traslado á sede actual, realizada hai uns 100 anos. Antes da última reforma, que se executou arredor do ano 2000, nel realizábanse autopsias, acolleu un pequeno teatro, facíase o baile dos artesáns da vila (labradores, modistas, zapateiros...), foi sede da casa do pobo durante a República, e durante a ditadura franquista, da OJE (Organización Juvenil Española). 
 
O escudo dos Pimentel que loce a súa fachada Norte aparece asociado á identidade de Viana desde 1478 ata a constitución do concello en 1812. Segndo os heraldistas, o fondo verde do escudo dos Pimentel convírteno en único entre as poblacións de Galicia.

Os investigadores cren que Viana se converteu en vila de realengo na segunda metade do s. XVI, de forma que pasou a depender do Rei de forma directa, sen señorío de por medio. Grazas a esta medida os veciños de Viana deixan de pagar unha renda xurisdicional que ascendía a 40.000 reais ao ano e que incluía dereitos de señorío, fortaleza e vasalaxe. A maiores tamén se viron eximidos de pagar ao marqués foros e tributos pola utilización dos camiños, das portas da vila, por cruzar as pontes sobre os ríos Bibei e Camba ou pola utilización de barcas.
 
“Os ríus máis importantes son o Bibey, cos seus afluentes Camba, i o Xares. Son ríus mui truiteiros, así coma os máis pequenos rigueiros, facéndose boas pescatas inda en rigueiriños onde parece que non hai auga bastante pra que as trutas podian vivir. Tamén hai anguías. Di un cantar:

Pra trutas o Bibey
E pra anguías o Camba
E pra meniñas bonitas
Non as hai coma en Viana”

Laureano Prieto
Contos Vianeses (1958)