O edificio que hoxe acolle a Casa do Concello, foi construído no ano 1882. Adelaida García-Flores, nada en Viana do Bolo a mediados do século XIX, era filla de Castor García Flórez, un terratenente que foi senador e deputado en varias lexislaturas polo partido conservador.
Adelaida casou co xornalista, avogado e político ponteareán Saturnino Álvarez Bugallal (1834-1885), que chegou a ser ministro de Gracia y Justicia con Cánovas del Castillo, sendo rei Alfonso XII. Saturnino tamén exerceu o cargo de Fiscal de Imprenta, unha especie de censor das opinións das persoas de ideoloxía liberal e republicana.
O Pazo de Bugallal foi unha das residencias de Dona Adelaida e a súa familia, alta benefactora da vila, que contribuiu á fundación da Biblioteca Municipal e da Escola de Ensino Primario. Recibiu o título de Condesa de Bugallal no ano 1896 da man da raíña María Cristina de Habsburgo, esposa de Alfonso XII.
A partir de Carlos Ares. Ilustres. (2014).
A de Bugallal é unha grande casa urbana de estilo neoclásico situado entre as rúas Boavista e Constitución. Destaca polo espazo asoportalado que comunica ambas rúas, que se desenvolve en grande parte por medio dunha escalinata de granito cuberta salvando un notable desnivel. Dotado de tres alturas, o edificio presenta un deseño sobrio e contido no ornamental, onde só destaca o gran balcón voado que mira ao nordés. No interior destaca a escaleira de pedra de dobre tramo que permite acceder ao piso elevado.