Casa levantada entre medianeiras que presenta unha fachada dividida en tres e catro rúas respectivamente. No andar terreo sitúase unha porta de acceso principal e un portalón para carruaxes. No piso superior destaca unha secuencia de catro arcos de medio punto apoiados sobre piares e pilastras que dan lugar a grandes ocos -protexidos por varandas- que permiten introducir nas estancias da casa unha inxente cantidade de luz natural.
En setembro de 1858 a raíña Isabel II de Borbón (1833-1868), que realizaba unha viaxe na compaña da familia real por terras de Galicia e Asturias, chegou a Viana cando viaxaba de volta a Madrid. O motivo de que fixera un alto na nosa vila foi que Don Camilo Feijóo de Sotomayor, amigo persoal da soberana e residente na nosa vila, convidouna a un banquete que se celebrou nesta casa da rúa Ceferino Armesto.
Isabel II e Don Camilo coñecéranse cando este último, sendo Capitán da Guardia Real, acabou coa sublevación que protagonizaran os xenerais Diego de León e Gutiérrez de la Concha o 7 de outubro de 1841 para tentar proclamar a rexencia da súa nai Mª Cristina de Borbón-Dos Sicilias (1833-1840), personaxe extremadamente avarento que a enxendrou sendo esposa do rei Fernando VII (1808-1833), de ideas absolutistas. Para este evento a familia Feijóo encargou unha vaixela na fábrica sevillana La Cartuja, fundada en 1837 polo comerciante inglés Carlos Pickman Jones, naquela altura un dos principais fabricantes de louza da burguesía española. Don Camilo acabaría sendo nomeado Vizconde de San Rosendo e Marqués de Santa Ilduara en 1873.
A partir de Carlos Ares. Ilustres. (2014).