
Pazo urbano de estilo barroco situado no centro neurálxico da vila. Construído entre medianeiras, presenta planta rectangular, dúas alturas e cuberta a catro augas. A súa fachada aparece organizada en cinco rúas verticais, protagonizadas por cadansúa porta de aire e separadas por piares no piso inferior e por pináculos e gárgolas metálicas á altura da cornixa.
O piso terreo aparece asoportalado e protexido por arcos escarzanos que se apoian en sólidos piares almofadados para protexer aos viandantes das inclemencias meteorolóxicas. O piso superior acolle os usos residenciais (salón, cuartos, salas de estar) e loce un amplo balcón voado de cantaría e forxa ao que se accede a través de tres portas. Cada un deles aparece enmarcado por boas pezas de cantaría e cubertos por arcos rebaixados protexidos por un gardapó.
Os entrepanos da fachada aparecen enfuscados e encalados para ocultar a cantaría de inferior calidade que o conforma. O pazo foi incluído nun debuxo publicado en La Ilustración Gallega y Asturiana en 1879. O título de marqués de Viana do Bolo existe desde os tempos do rei Felipe II (1556-1598). Ata mediados do século pasado, no baixo desta casa estivo a sede do Liceo, unha sociedade recreativa privada da elite económica vianesa.
