Situada na rúa do Santo Cristo, a casa foi doada por unha familia nobre á igrexa católica. Foi construída en 1881 de forma exenta e con fachada a unha das principais rúas da vila durante a Idade Media e Moderna, o que evidencia os elevados recursos dos seus promotores. Conta con máis de 200 m2 por planta, tres alturas, cuberta a catro augas e un xeneroso miradoiro de madeira orientado ao Sur – de magnífica carpintaría – que enche a casa de luz natural. Por baixo del un grande balcón voado e, na esquina, un amplo chafrán pensado para facilitar o tránsito de carros e coches.
A súa fachada principal organízase en rúas verticais, con xanelas protexidas por contras no piso terreo e portas de aire con carpintarías de madeira no andar residencial. Entrepanos enfuscados con cal ocultan a pedra de peor calidade, que contrasta coa cantaría de boa labra que locen os marcos das portas e xanelas.
“As súas casas, de numerosas estancias, adoito con capela anexa, gardan no seu interior unha rica e abundante moblaxe. Outra volta damos con camas torneadas con sobreceo e colgaduras de damasco, escritorios, cadeiras forradas en coiro ou en moscovia... luxo e ostentación por todas partes (...) vaixelas de Talavera, cubertos de prata, candelabros de metal e paredes atestadas de cadros de tema relixioso (...) Ningún deles posúe grandes explotacións (...) nin demasiadas cabezas de gando, nin, por suposto, rendas. No mellor dos casos o seu nivel de vida achégase máis ó dun campesiño rico cá outra cousa”.
Gabriel Quiroga Barro
“Envolución dunha estructura agraria na Galicia interior: A terra de Viana do Bolo, 1600-1820”.
(1988)