San Pedro de Grixoa

 “La iglesia es de buena arquitectura y tiene una capilla mayor, cuyo patronato corresponde a la Casa de los Amestos que es una de las más antiguas del país”. Así se refería a este templo Vicente Risco en 1936. No interior conserva dous escudos labrados en granito.

De orixe románica (quizais do s. XIII) as trazas medievais fanse visibles unicamente na portada principal, onde destaca unha triple arquivolta que se apoia en xambas cortadas en aresta. A máis exterior remata nunha chambrana con tres liñas de tacos. Sobre a porta, un rosetón de tracería de calidade modesta.
 
O acceso á torre, moi degradado a causa da construción do camposanto, realízase por medio dunha porta estreita protexida por un arco sen ornamentos de medio punto.
 
O interior conserva un fabuloso retablo maior de estilo barroco de mediados do século XVIII divido en tres rúas por columnas salomónicas. No centro destaca unha imaxe sedente de San Pedro coroado por unha tiara.
 

O templo puido pertencer ao mosteiro de Ecclesiola (forma medieval de Grixoa), ao que se refire un documento de 1075 do rei Afonso VI e a súa dona Constanza polo que restitúen á Diocese de Astorga varias posesións, entre elas “aliud monasterium quod vocitant Ecclesiola”.
 
 
...A miña tía viúva dona Arminda, nas terras outas de Grixoa do Bolo, tiñao de criado, entre trasno e bufón, e volvía por il cando lle chegaban as queixas, coasi sempre por mor das risallas a destempo...
 
Eduardo Blanco Amor. Os biosbardos, 1962