O templo parroquial, de estilo barroco popular, loce planta en forma de cruz latina e a clásica orientación Leste-Oeste. Erguida nun adro situado no centro da aldea, presenta nave única de chan encostado (algo moi infrecuente) e unha ábsida sobreelevada protexida por unha cuberta a catro augas.
Unha escaleira exterior, labrada en fina cantaría, dá acceso á espadana, de aspecto robusto e sólido. O seu corpo principal acolle dous sinos baixo un par de arcos de medio punto separados das xambas por medio de impostas. Coroa o conxunto un sólido frontón triangular flanqueado por pináculos piramidais rematados en bóla que aínda conserva dous mechinais (vans situados na parede que serviron para introducir vigas de madeira para formar parte dun andamio ou cimbra).
O interior do templo está protexido por un magnífico artesoado de madeira que acolle no interior da ábsida un magnífico retablo barroco dividido en tres rúas por medio de columnas salomónicas decoradas con pámpanos e acios. No centro da composición unha imaxe contemporánea da coroación da Virxe tallada segundo o gusto da época: xesto diagonal para imprimir dinamismo e teatralidade á escena, roupas voadas para xogar co claro-escuro, coroa metálica real para enfatizar o realismo da imaxe, etc. No ático do retablo a representación da crucifixión –con Xerusalén amurallado ao fondo– e, coroando o conxunto escultórico, o Espírito Santo en forma de pomba rodeado dun nimbo fulxente.
No conxunto do edificio destaca o valor decorativo de determinados elementos (a varanda da escalinata exterior, algunha ventá seteira...), pero sobre todo o da porta de acceso principal. Esta destaca polas súas xambas e arco de medio punto estriados, pero sobre todo polos círculos decorativos (flores e motivos serpenteantes inseridos nun círculo) que adornan o espazo situado entre o arco e a chambrana (a moldura que perfila o exterior do arco).
O galego da Terra das Frieiras
Polo Naciente achase o dialeuto frieirés, podendo pór as lindes por Barxa, Gudiña, Bouza, Pixeiros, Solveira e Dradelo. Os pobos de Cepedelo e Pradorramisquedo están mui infruenciados polo frieirés, i os demais, lindantes con Castela, tein algunhas cousas do sanabrés
Laureano Prieto; 1958