Santa María de Pradocabalos

Situada no corazón desta aldea de ribeira, entre o casarío apiñado que alterna cubertas de lousa con tella curva, o templo parroquial levántase sobre un adro exiguo rodeado dun muro elevado que divide a terra sagrada da profana.
 
A igrexa conta cunha nave única e unha ábsida, orientada ao Leste como fixa o canon, e máis elevada. Os seus muros evidencian que construída en dous momentos, de aí a diferente plementería que locen os muros de carga: cachotaría enfuscada orixinal (hoxe case desaparecida) rematada con cantaría, ben visible na fachada e no terzo superior da nave.

O frontispicio presenta un aspecto sólido e contundente a pesar da asimetría dos seus compoñentes. Así a porta, gorecida baixo un arco de medio punto ben doelado, aparece descentrada respecto da espadana de dobre oco que coroa a composición. Este campanario dunha soa parede, habitual en toda a bisbarra, destaca pola súa robustez e solidez e aparece rematado en altura por un tímpano triangular protexido por un capiado a dúas augas.
 
No interior do templo podes admirar o seu ben conservado artesoado, decorado con motivos romboidais no cumio. Tamén brilla con luz propia un antigo confesionario de madeira situado nun arcosolio da nave. Pero sobre todo destaca o seu retablo, integramente dourado, e organizado en cinco rúas máis ático. De entre todas as imaxes sobresae a talla da Virxe que ocupa a fornela central, con tres expresivos anxos na peaña e outros dous a cada lado sostendo un manto estendido en diagonal para crear unha escena cargada de dinamismo e movemento.

As xeórxicas
...Soio as encostas de Bembibre e as xeórxicas de Pradocabalos dibuxan unha figura de golfo de penichán na entrada da serra. As ribeiras do Bibei, afundado suco, de notable siñificanza e beleza enteiran a paisaxe e a economía vianesa...
 
Ramón Otero Pedrayo; 1962