Igrexa de San Marcos de Punxeiro

Pola parroquia de Punxeiro atravesaba o camiño que, desde Viana, se dirixía a Castela pasando pola Sierra Segundera (Zamora). A mediados do século XIX Punxeiro producía “centeno, patatas, castañas, algún lino, legumbres, pocas frutas y vino inferior”, pero hoxe en día acolle todos os anos a festa da vendima máis concorrida de toda a bisbarra.
 
Punxeiro é un fitónimo, isto é, unha palabra que designa a unha planta, neste caso a Mentha pulegium, en galego sinónimo de poexo ou poenxo (poleo en castelán; poejo en portugués). Xa que logo, nesta contorno houbo no pasado moito poexo, de aí a súa forma abundancial con sufixo remado en –eiro.

Na parte alta da aldea érguese o templo dedicado a San Marcos, de nave única e altar sobreelevado protexido por unha cuberta a catro augas. A súa fachada, austera e sobria, centra o esforzo decorativo na porta principal, decorada con pilastras caixeadas, capiteis con motivos florais soportando un arco de medio punto moi ben doelado. Remata a composición unha espadana con dobre perforación coroada por un frontón triangular decorado con pináculos de forma piramidal.
 
O seu interior presenta no altar maior, protexido por un artesoado de madeira, un retablo barroco integramente dourado en 1702 por Salgado de Noboa que se organiza en tres rúas separadas por columnas salomónicas decoradas por acios e follas de videira, símbolo do cristianismo que recorda as palabras de San Xoán: “Eu son a vide verdadeira e o meu pai é o coidador da viña”. No ático reina en solitario unha imaxe da Idade Moderna de San Roque amosando as súas chagas xunto ao can, nesta ocasión lambendo as feridas do seu dono.

SAN MARCOS

SAN MARCOS
Popular en todos os tempos e épocas, este nome era moi común en Roma (Marco Xunio Bruto, por exemplo). San Marcos, no séc. l, foi un dos catro evanxelistas (autor do segundo Evanxeo). É o padroeiro de Venecia, chamada república de san Marcos, e o de catro concellos galegos. Tamén é patrón de Alexandría, Albania, Bérgamo, Dalmacia, Corfú, Creta, Venecia e a illa de Zante, e ademais dos vidreiros, dos albaneis, dos notarios e dos escribáns, e é invocado contra a sama, os tormentos, a morte na impenitencia, os raios, a sarabia, a borrasca e o furacán.
 
Este nome ten orixe latina, de Marcus “grande martelo de ferreiro”, probablemente derivado do etrusco Marce “martelador, ferreiro”. Refírese a Marte, do latín Mars, Martis “deus da guerra e da primavera”.