
O templo de San Martiño é un edificio de orixe medieval que sufriu numerosas obras de reforma ata os nosos días. Da etapa románica conserva a nave, onde aínda locen os seus canzorros graníticos sustentando a cornixa dos muros Norte e Sur. Neste último é onde se sitúa a única porta medieval, enmarcada nun arco de medio punto que dá abrigo a un tímpano semicircular no que aparece gravada a cruz da Orde do Temple inserida nun círculo. Por baixo deste frontón, dúas impostas en forma de canzorro que a sustentan, provocando o típico estrangulamento románico. Protexendo esta porta sitúase un cuberto a unha única auga soportado por columnas cilíndricas de granito coroadas por capiteis decorados con volutas angulares.

A fachada principal é o elemento barroco máis vistoso do exterior. Alí atopamos unha porta decorada con acobadados e flanqueada por pilastras de fuste refundido que soportan, de forma ilusoria, un arquitrabe moldurado e un tímpano que contén unha fornela avieirada cun santo barbado de labra popular que sostén un libro e vai acompañado dun can, seguramente a imaxe de San Xoán Bautista. Coroa o conxunto unha espadana de dobre oco rematada por arcos de medio punto peraltados e un frontón triangular perforado por un pequeno óculo.
No interior levántase un fermoso arco triunfal neoclásico con pilastras e intradorso refundidos, decorado cun capitel dórico e un colariño acanalado. O altar maior loce un maxestoso retablo barroco labrado no ano 1719 por Joannis Pita, integramente dourado en 1736, no que se narran distintas escenas da paixón de Cristo.

San Martiño de Tours naceu en Hungría a principios do s. IV. Era un oficial romano que se converteu ao cristianismo. Segundo a tradición ofreceu a súa capa de soldado a un mendigo. Aos 22 anos ordenouse sacerdote e levou unha vida eremítica preto de Xénova, fundando o primeiro cenobio de Occidente. Foi nomeado bispo de Tours no ano 370, finando en 397. San Martiño é o patrón da diocese de Ourense.
Outro santo, San Martiño de Braga, foi un erudito autor de varias obras importantes, entre elas De correctione rusticorum. Fundou o mosteiro de Dumio, do que foi abade, chegando logo a ser arcebispo de Braga (Portugal).