Igrexa de Santo Adrao de Solbeira

O templo de Santo Adrao é un exemplo notable de barroco rural. De planta en forma de cruz latina, localízase ao norte da aldea, nun miradoiro natural sobre o val do río Camba. Presenta unha nave de grandes proporcións e tivo ao seu carón a casa reitoral, hoxe en ruínas.
 
O seu frontispicio centra a decoración na porta de acceso principal, decorada con orelleiras e flanqueada por pilastras caixeadas que soportan un entablamento clásico. Sobre el un tímpano semicircular partido que aparece decorado con pináculos e perforado por un óculo de derrame externo que se coroa por unha clave labrada con cartela oval, coroa, esfera e cruz sen figuración.
 
Coroa a composición unha espadas de dobre oco a base de arcos de medio punto peraltados que soportan un frontón en forma de cortina bordeado por uns orixinais pináculos piramidais rematados en bóla.
 
No interior sorprende o retablo do altar maior, organizado en tres rúas máis ático. Entrantes, saíntes, luces e sombras ofrecen unha imaxe de dinamismo e movemento propias do estilo barroco. A fornela principal acolle a imaxe do santo titular (vestido segundo a moda da época) cunha espada na man dereita e unha chave (hoxe perdida) na esquerda que alude á súa condición de patrón dos carcereiros.
 
Outra das xoias do templo son os retablos laterais –do mesmo estilo que o principal– nomeadamente os anxos espidos que decoran o banco, as entrerrúas e o gardapó. O naturalismo e a expresividade das súas posturas diagonais enchen esta arquitectura en madeira de sentimento e viveza. A destacar os anxos músicos, con violas e guitarras integramente douradas.

 

Hadrián ou Adrao

Era o nome polo que eran chamados os nados na localidade de Adria ou Hadria, antigo porto no mar Adriático (mar que colle de aí o seu nome). Fíxose popular a partir do emperador romano Hadriano, no séc. II. O Santo Hadrián –Adrao na forma local– que se celebra o 8 de setembro foi un oficial romano da garda pretoriana do emperador Galerio, no séc. III-IV, elixido César de Oriente por Diocleciano no ano 293, que se pasou ao lado dos cristiáns, martirizado no ano 303 en Nicomedia, en tempos do emperador Maximiano.