Pascual Madoz (1847) escribe sobre o santuario que “hay á la falda de un monte la célebre ermita titulada del Padre Eterno, contigua á la cual existe una casa para hospedar á peregrinos y pobres”. Do comentario do político liberal español deducimos que o templo (890 m de altura), que se ergue nun extraordinario balcón sobre o río Bibei (695 m) ao sopé do Alto de Quintela, era un lugar de peregrinación con moita sona na bisbarra.
O templo non era para menos, sobre todo a súa espectacular torre, que exerce de faro sonoro, espiritual e arquitectónico de todo o val. De estilo barroco, a fachada –labrada en excelente cantaría– reproduce un esquema coñecido, se ben nunha versión estilizada e académica: porta de acceso enmarcada por molduras con orelleiras, pilastras caixeadas aos lados soportando un tímpano semicircular partido por unha fornela central que acolle a imaxe do Pai Eterno co seu fillo crucificado en brazos.
A torre, dunha altura vertixinosa, ten un deseño, unha estilización e unha proporción que poderíamos cualificar de áureas pola extraordinaria calidade do seu deseño. O campanario articúlase en tres volumes superpostos, á imaxe doutros exemplos de arquitectura barroca academicista do s. XVIII: San Salvador de Lourenzá, Sobrado dos Monxes ou a Torre da Berenguela. Na base un corpo de sección cuadrangular que foi perforado en cada unha das súas caras para acoller outras tantas campás baixo arcos de medio punto peraltados e flanqueados por pilastras de corpo refundido.
Sobre este prisma de sección cadrada elévase un corpo octogonal constituído por ocos estreitos e alongados cubertos por arcos de medio punto e separados entre si por xambas pareadas con columnas monolíticas de fuste exento que soportan un entablamento dentado, protagonizado por continuos entrantes e saíntes.
Finalmente, sobre a cúpula do corpo anterior, unha lanterna –igualmente octogonal pero de menores dimensións– remata en altura o conxunto, replicando a composición do cilindro inferior pero con maior énfase na decoración, como querendo replicar en pedra unha xoia de ourivaría.
A romaría do Pai Eterno celébrase cada 6 de xuño.
...ende chegando a Galicia , Noso Señor quedouse ademirado do vizoso dos nosos campos, do frorido das nosas veigas, do misterioso das nosas carballeiras e soutos, dos risoños vales dos craros ríos e das frescas fontes, e de tanto e tanto ben como o Pai Eterno acugulou ás cheas riba do chan gallego...
Eugenio Carré Aldao; 1898