É un dos edificios pacegos máis importantes de Viana e a súa bisbarra. Situado no centro da aldea, o edificio organízase arredor dun patio seudorectangular central duns 130 metros cadrados que dispón un corredor voado –soportado sobre columnas de granito– ao longo de case todo o piso residencial. No muro exterior do complexo residencial lemos dúas inscricións que conteñen as datas de construción e ampliación: 1614 e 1679 respectivamente.
A fachada principal, labrada en boa cantería, sitúa un portalón enmarcado entre pilastras caixeadas que sosteñen un entablamento clásico. Os capiteis teñen volutas de orde xónica que flanquean unha lumieira tripartita na que se labran en altorrelevo dous cánidos afrontados acosando a un corzo. O conxunto aparece coroado por unha fornela coa imaxe de Santo Antonio no centro. Aos lados, dous escudos ou brasóns que podemos ver en detalle nos debuxos. Na cornixa, sobre a imaxe do franciscano portugués, asoma a cabeza dun anxo con asas.
A carón da fachada do pazo sitúase a súa capela, levantada de forma exenta que, a diferenza do complexo residencial, presenta un bo estado de conservación. No seu frontispicio loce o escudo de armas dos Salgado, Blanco e Novoa, tal e como expresa tamén a inscrición que o acompaña.
A 265 m ao Suroeste do pazo, nunha grande parcela coñecida co nome de A da Igrexa, levántase o pombal da casa, de planta cadrada e con paredes encaladas, que presenta unha soa cuberta. Tamén conta con fonte propia, aínda que en Fradelo hai “multitud de manantiales de puras y saludables aguas” segundo Pascual Madoz (1847).
IV MelodÃa
Cos curazoes xa no alto , escomenzaron a ascer cara Fradelo, outra goapa aldeia de Viana, con castelos feudaes, supervivenza de tempos máis alasados pra o paisanaxe ... e detivéronse diante da portada de San Vicente
Manuel García Paz; 1935