Pazo de Grixoa

O Pazo de Grixoa é un excelente exemplo de casa grande rural, antiga e nobre. Construído maiormente no século XVIII, posúe planta rectangular de 670 m cadrados organizada arredor dun patio interior e dúas alturas. O piso terreo, no que se abren uns escasos xanelos abucinados verticais de derrame externo, pensouse para acoller estancias adxectivas: cortes para o gando, a adega, etc.
 
O piso superior dá resposta ás necesidades residencias dos seus promotores, a familia dos Gaioso, con xanelas e portas balconadas que se abren ritmicamente ao longo das súas catro fachadas. O conxunto, levantado en cachotería concertada, sitúa as mellores pezas de cantaría arredor dos ocos de acceso e iluminación, así como nos esquinais. Destaca o torreón situado na fachada principal, orientada ao suroeste, que se eleva protexido por unha cuberta de lousa a catro augas.

O edificio pacego, que tamén foi propiedade da estirpe dos Armesto, loce unha cornixa de gola labrada en granito que percorre todo o perímetro do edificio. Vinculado á edificación principal contamos un portalón monumental brasonado (coas armas dos Gaioso), unha capela dotada de espadana, unha fonte monumental e un pombal –outrora encalado– protexido por unha cuberta a cinco augas situado a 210 m do edificio residencial.
 
Os terreos situados inmediatamente arredor do pazo, isto é, da súa directa explotación, suman uns 71.529 m2.
 
 
 
 
 
... a antiga Grixoa, goapa aldeia de casas arramadas, e chea de pombares, brancos, branquiños, coma os ninos branquiños deaquiles palomáceos labregos, ademirou, primeiro, o bosque, unha tapada quilométrica de rebolos; e, logo, as inmensas curtiñas verdegantes...
 
Manuel García Paz. IV Melodía, 1935