A igrexa de Santo André de Bembibre (do latín Bene vivere, literalmente, “onde se vive ben”), dependente da Diocese de Astorga, é matriz da de Santa María de Pradocabalos desde, cando menos, mediados do século XIX. Nela destacan os esgrafiados do muro exterior Leste, nomeadamente os que se sitúan xusto por debaixo da cornixa do altar maior.
A súa fachada principal acolle os principais valores artísticos do templo, cunha fornela barroca –baleira na actualidade– enmarcada nunha moldura lobulada. O seu interior aparece ricamente decorado con volutas e altorrelevos a base de motivos florais e dous leóns rampantes afrontados. Remata en altura o conxunto unha elegante espadana de dous corpos decorada nos seus laterais por volutas e pináculos.
No seu interior destaca unha elegante pía bautismal decorada cun avieirado, así como varias imaxes de Santo André, coa súa característica cruz en aspa. Desde o punto de vista arquitectónico sobresae o arco triunfal, de elegante factura academicista, así como tres retablos barrocos, en particular o principal, todo el dourado e entallado con motivos florais e xeométricos.
Un antigo mosteiro
Un dos bens artísticos máis destacados de Bembibre é a ventá xeminada que se sitúa, reutilizada, na parede dunha adega tradicional situada no Val. Trátase dunha arcaica xanela de forma cuadrangular cun par de vans rectangulares carentes de arcatura divididos por unha columna central que presenta un anel no seu centro. Este ventanal, que recorda ao que se sitúa no altar maior da igrexa románica de Santa María de Viana do Bolo, pode proceder dun mosteiro alto medieval ao que fai referencia a toponimia de Bembibre como A Chaira do Crego e O Eirexario.