O inicio desta ruta atópase en Quintela de Umoso, no Santuario do Pai Eterno. No transcurso do percorrido imos visitar o val do río Bibei, mentres gozamos dunha paisaxe natural onde o tempo parece estar detido. A tranquilidade e a natureza serán os únicos compañeiros nesta andaina circular de nove quilómetros.
Os primeiros pasos da ruta vannos levar a Vilar de Goia, onde comeza a parte máis esixente cara á «Porta da Arca». Unha vez no alto, continuaremos entre prados ata chegar a Tabazoa de Umoso, pequeno núcleo rural. A súa igrexa marca o inicio da baixada por un camiño que nos conducirá a un bosque de carballos centenarios; entre eles, o «Pai dos Rebolos», árbore centenaria que poderemos visitar seguindo un desvío sinalizado cara ao fondo do val polo que discorre o río Bibei.
A través de soutos, e por un cómodo camiño, chegaremos a Umoso. Alí, o pazo, a casa reitoral e a igrexa serán puntos de interese para o visitante, así coma un pequeno pombal circular nas inmediacións da localidade. Dende aquí ata o final da ruta apenas resta un quilómetro. Tramo final que nos reserva unha última panorámica espectacular de Umoso sobre todo no final do día, cando os últimos raios do sol alumean os prados.
- INICIO: Santuario “Pai Eterno”
- REMATE: Santuario “Pai Eterno” (Ruta circular)
- DURACIÓN: 3:45 h
- LONXITUDE: 9,3 + 0,7 km
- DESNIVEL: 498 m
- Apto para bicicletas e cabalos