Igrexa Santa María de Pinza

 
Templo de planta cruciforme que presenta unha única nave e altar maior máis elevado. Na súa fachada principal destaca a porta principal, cuberta por tres arquivoltas de arcos apuntados labrados en aresta viva que descansan sobre impostas decoradas na súa base cun perlado. A fachada principal remátase en altura por medio dunha sólida espadana de forma triangular que protexe cada un dos seus tres ocos, rematados en arcos de medio punto, por medio dunha sobria chambrana semicircular.

Desde o punto de vista estrutural e decorativo destaca o notable arco triunfal que divide a nave do cruceiro, formado por grandes doelas e apoiado en fermosas pilastras coroadas por capiteis de orde xónica decorados con colariños, volutas e rosas.
 
Os retablos das naves laterais, ambos barrocos, destacan pola calidade da súa labra, en particular as cabezas de anxos que decoran o arrinque das columnas pareadas que sosteñen o entaboamento que precede ao ático.
 
O altar maior loce un retablo tardorenacentista dourado e articulado en tres rúas coa patroa do templo na fornela principal e o Cristo crucificado no ático. Dous pares de columnas decoradas con capiteis corintios e fustes de motivos ondulados soportan o arquitrabe e o friso.
 
No seu interior destaca tamén a voluminosa pía bautismal en forma de cáliz, na que se gravou unha cruz de oito puntas, tamén coñecida como Cruz de Malta. Na súa base destaca unha decoración insculturada continua en zigue-zague.

...Entre o Bibei e o Camba a outura de Caldesiños e Pinza tende a montaña ben inzada de labramios e ricaz de castiñeiros. O Camba dibuxa costas ben fondas polo Invernadeiro, por Fornelos de Filloás e Bembibre...
 
Ramón Otero Pedrayo, 1962