Pazo de Punxeiro

O Pazo de Punxeiro ou Casa Grande é o edificio civil máis relevante da parroquia. De planta rectangular que ocupa máis de 1.000 m2, o sector máis nobre da edificación é o Sueste e Suroeste, que presenta unha cantería e uns ocos de mellor calidade que o resto da edificación. As súas propiedades disque chegaban ata o río Bibei e a vila de Viana.

Un dos volumes da fachada principal Sur recibe o nome do Cuartel, ao parecer porque nel se aloxaron un cadro de militares para protexer as obras de captación de auga que o propietario do pazo decidiu facer para fornecer deste líquido á súa residencia. Seica a veciñanza desfacía de noite o traballo que os empregados do señor realizaban de día, o que fixo necesario que este recorrese á forza armada.
 
O elemento máis destacado do conxunto é a capela do pazo, edificada no ano 1736. A súa fachada, orientada ao nordeste, organízase en tres corpos: un terreo que acolle a porta de acceso, protexida por un arco de medio punto moldurado –de moi boa labra– cunha flor hexapétala tallada en altorrelevo na clave. O piso nobre está protagonizado por unha porta balconada coroada por un trabatel (unha ventá superior de forma rectangular con carpintería fixa ou vidros emplomados). Sobre el un brasón coas armas dos Novoa, Sarmiento e Pimentel flanqueado por pináculos elevados sobre volutas. Coroa o conxunto unha espadana dun único oco rematada por un frontón semicircular perforado por un óculo.
 
 

A ribeira de Punxeiro

...A ribeira de Punxeiro, pé da encosta da Pinza, anuncia os dous anacos de rexa ribeira do Bibei: os de Buxán e Santa Crus do Bolo. Ademais de Pinza forman no rodopío e xiro de Viana, Froxás, Hedroso, San Mamede e santa Mariña da Ponte...
 
Ramón Otero Pedrayo; 1962