Igrexa de San Cibrao

Consérvase un documento do ano 916 no que Ansuri, bispo de Ourense, xunto co bispo de Astorga San Genadio e o rei Ordoño II, confirman unha propiedade do mosteiro de San Cibrán de Pinza. En tempos do rei Afonso VI e a súa muller Constanza, outro documento cita o “monasterium Sancti Cypriani”, que ben podería ter como templo a nosa igrexa.

Estamos diante dun antigo templo de orixe románica e planta basilical, isto é, baseada na basílica romana, cunha nave principal e dúas laterais secundarias, única na bisbarra. O arco triunfal, que separa o altar da nave, loce un arco dobrado de medio punto apoiado nunha imposta labrada en aresta viva. Unha estrutura única de cinco arcos de medio punto separa o altar maior da nave e das capelas laterais.
 
A nave, cuberta por unha vistosa estrutura de madeira, apóiase en ménsulas e en fermosas columnas de sección cilíndrica dunha única peza magnificamente talladas en estilo dórico. A maiores consérvase unha pía bautismal de copa simple, carente de decoración.
 
Unha parte do exterior do templo, construído na Idade Moderna, apunta timidamente a un estilo barroco en elementos como a porta acobadada do muro Sur. Con todo a base románica de San Cibrao evidénciase na torre-campanario ou na fachada principal, moi sobria, pero de matriz claramente medieval, con dous arcos de medio punto –un deles moldurado en bocel– protexidos por unha chambrana e apoiados nunha imposta.

O Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus Posesiones de Ultramar afirma que a igrexa de “San Ciprián de Viana” (…) “es muy antigua, mal construída, y es aneja de la de Sta. María de Pinza.” Con todo “el terreno es de buena calidad; le bañan en parte las aguas de dicho río Camba tomadas por medio de una presa”. Naquela altura San Cibrao tiña “30 vecinos” (cabezas de familia) e “136 almas” (habitantes).
Pascual Madoz, 1847